Más Noticias

Escucha esta página utilizando ReadSpeaker

O Servizo Galego de Saúde ven de publicar este mércores a listaxe de puntuacións provisionais da fase concurso para as prazas correspondentes aos postos de pinche de cociña e de técnico/a de farmacia, en ambos casos con grandes resultados para as persoas aspirantes que estiveron a prepararse a través de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Concretamente, no referido ao posto de pinche de cociña, 32 das 39 prazas ofertadas recaerán (tras finalizar o prazo de reclamación) en persoas que estiveron a recibir apoios da federación, mentres que no referido á categoría de técnico/a de farmacia, das 10 prazas ofertadas, tras presentarse a exame 5 persoas, 3 acadarán praza nesta categoría. Dende FADEMGA expresamos a nosa satisfacción polos bos resultados obtidos polas persoas que estiveron a formarse connosco. Uns resultados que continúan a acreditar o traballo e bo facer do noso Servizo de Emprego no eido da formación a todas aquelas persoas con discapacidade intelectual que aspiran a conseguir un posto de persoal laboral fixo.

:: Apoios integrais durante todo o proceso

Durante o proceso de preparación da proba, a federación facilitou formación para o exame, pero tamén ofreceu apoio aos opositores: desde a formalización da solicitude ata a presentación de alegacións a listas ou a documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso, ademáis de acompañalos ao lugar onde se realizaron os exames. Trátase dun Servizo que vimos ofertando dende hai máis de 10 anos, e onde traballamos diariamente desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo.

:: O emprego: chave que abre a porta da inclusión

A pesar dos múltiples avances experimentados no eido do Emprego Público durante os últimos 10 anos, aínda quedan retos por acometer no futuro próximo, entre eles a consecución dunha maior axilidade na convocatoria das prazas ofertadas así como a necesidade de reservar prazas para persoas con discapacidade intelectual con maiores necesidades de apoio.