Máis de 100 persoas autoxestoras de toda Galicia reuníronse este venres en Lalín durante o seu 20º Encontro Autonómico, co fin de defender e visibilizar ás persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento, así como para formarse sobre aqueles aspectos relacionados co colectivo.
A inauguración contou coa participación do director xeral de discapacidade da Xunta de Galicia Fernando González Abeijón, do presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia Eladio Fernández, do voceiro do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE Luis Miguel Álvarez Martínez, da tenente de alcalde e concelleira de Política Social do Concello de Lalín, María Paz Asorey, así como da parlamentaria do Grupo Partido Socialista Marina Ortega Otero.
Este ano as temáticas que se puxeron sobre a mesa destacaron pola súa diversidade. Entre elas cabe salientar a mesa de experiencias onde se abordou a figura do Asistente Persoal e os seus beneficios para as persas con discapacidade intelectual. Esta figura consiste nun profesional que apoia de xeito individual á persoa con discapacidade intelectual para o desenvolvemento de tarefas da vida cotiá. Trátase dunha axuda vital que contribúe a mellorar a autonomía da persoa con discapacidade.
Outra das mesas que máis interés xerou foi o panel de expertos sobre a reforma da Lei da capacidade xurídica das persoas, a cargo de Roberto Soto Sola (Maxistrado do Xulgado de Primeira Instancia Nº6 de Santiago), Fuencisla Ladrón de Cegama (Fiscal da Área Compostelana) así como pola avogada María José Fernández Matías. Estos profesionais do eido xurídico explicaron polo miúdo todas as implicacións da reforma desta lei, que afecta a familias e persoas con discapacidade intelectual. Asemade, recalcaron a importancia do artigo 7 bis, que establece o dereito das persoas con discapacidade a estar acompañadas nos procesos xudiciais por unha persoa experta (coñecida como “facilitador”) que lle axude a entender todo o procedemento.
Trátase dunha figura para a que FADEMGA Plena inclusión Galicia ven reclamando ás administracións maiores recursos, pois existe unha gran demanda e un número insuficiente de profesionais formados para dar resposta ás necesidades existentes. Durante a exposición, os expertos tamén fixeron fincapé nas consecuencias positivas pero tamén negativas que está a traer a Lei, tanto para as familias como para as persoas con discapacidade intelectual, especialmente no que se refire á perda de dereitos económicos das persoas con discapacidade e dos seus titores, entre os que se atopa a perda de pensións non contributivas, desgravacións na declaración da renda, axudas aos titores de familias numerosas, e mesmo beneficios na conciliación laboral.
:: Os grupos de PERSOAS AUTOXESTORAS
Nesta ocasión, o encontro de persoas autoxestoras contou coa participación de 107 persoas con discapacidade intelectual procedentes de 13 entidades de toda Galicia así como da propia federación. Tal e como explicou o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia durante a inauguración, “Foi aló polo ano 1996 cando as persoas con discapacidade intelectual reclamáchedes o voso sitio e a vosa necesidade de falar en primeira persoa, como representantes dos intereses do colectivo. Hoxe a ampla representación deste encontro da fe de todo o que evolucionaron os grupos, grazas a vosa implicación e esforzo”. Igualmente, Eladio Fernández quixo animar a todas as persoas autoxestoras “a ser voz de todas as persoas con discapacidade intelectual, incluídas aquelas persoas con maiores necesidades de apoio que hoxe non nos poden acompañar”.