A Confederación Plena inclusión presentou hoxe en Bilbao o seu novo sistema de “Calidade Plena”, que afecta ás 950 entidades que compoñen o movemento asociativo e que tamén se ofrece a outras organizacións de España (e mesmo a outros países) para a mellora do seu traballo e a súa sustentabilidade.
Durante o encontro, a entidade ourensá de ASPANAS recibiu un recoñecemento por ser unha das 6 primeiras entidades acreditadas neste novo sistema, (concretamente no nivel Básico). Xunto a ela tamén foron recoñecidas as entidades Fundación Gil Gayarre (Madrid), Fundación Futuro Singular (Andalucía), Futubide-Fundación Tutelar Gorabide (Euskadi) e Asociación Plena inclusión Cabeza del Buey (Estremadura). A todas elas únese a Asociación Senderos del Sembrador de Arxentina, non pertencente a Plena inclusión pero incluida co fin de verificar a compatibilidade do sistema con otras entidades.
:: Novidades do sistema
Tras 15 anos de traxectoria, o sistema foi revisado e actualizado adaptando os indicadores aos novos modelos e avances, co fin de cumprir mellor o enfoque centrado na persoa e nas familias. Asemade, o sistema simplifícase. Por exemplo, poderanse realizar avaliacións completas ou parciais, externas ou auto avaliacións. Desta maneira, calquera entidade poderá medir o seu traballo nun aspecto concreto para poder centrarse na súa mellora, aproveitando así o sistema. Con todo, para recibir unha acreditación, deberase optar sempre por avaliación externa.
Outras novidades do sistema son unha nova aplicación web para o seu seguimento, o lanzamento dunha nova formación no modelo, a incorporación de persoas con discapacidade intelectual ao club de avaliación e a adaptación do sistema a lectura fácil, para asegurar a súa comprensión.