Más Noticias

Escucha esta página utilizando ReadSpeaker

No ano 2019, A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e FADEMGA Plena inclusión Galicia (Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento) iniciábamos un proxecto pioneiro na nosa comunidade, co fin de facilitar ás persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento a comprensión daquelas informacións de carácter xurídico así como dos procesos xudiciais e o seu resultado.

Tres anos despois do inicio desta colaboración, o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, D. Diego Calvo Pouso e o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, D. Eladio Fernández Pérez, asinaron a continuidade do proxecto, que como novidade contempla agora a adaptación de contidos en todos aqueles órganos ou servizos xudiciais de Galicia que tramiten algún procedemento que afecte a unha persoa con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou con dificultades de comprensión lectora, como poden ser persoas maiores ou persoas estranxeiras.

Os técnicos da Federación formados no eido da lectura fácil son os profesionais responsables da adaptación dos textos, que posteriormente pasan un proceso de validación a cargo dun grupo de persoas con discapacidade intelectual, co fin de garantir a correcta comprensión de toda a información adaptada. Deste xeito, a través do convenio tamén se promove a inclusión laboral do colectivo de persoas con discapacidade intelectual, sendo xa 8 as persoas validadoras que durante 2022 foron contratadas para o apoio na adaptación das diferentes informacións.

:: Reivindicación da figura do facilitador

A pesar de que a adaptación dos contidos é un paso importante cara unha mellor comprensión dos procesos xudiciais, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia tamén vimos reclamando a necesidade de fomentar a figura do facilitador, un profesional que apoie ás persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento cando están inmersos nun proceso policial ou xudicial. Trátase dunha figura que aparece recollida na nova Lei 8/2021 do 2 de xuño, pola cal se reformou a lexislación civil e procesal para o apoio ás persoas con discapacidade na súa capacidade xurídica. Concretamente no seu artigo 7 bis, onde se fala da figura dun “profesional experto que realizará funcións de adaptación dos trámites legáis para que sexan comprensibles para a persoa con discapacidade”.

:: Comprender a nosa contorna: un dereito recollido na Convención dos dereitos das persoas con discapacidade e na Lei de accesibilidade de Galicia

A continuidade deste convenio ven a dar resposta a un dereito que está recollido tanto na Convención dos dereitos das persoas con discapacidade da ONU como na Lei de Accesibilidade de Galicia. No caso da Convención da ONU, esta recolle no seu artigo 13 o dereito de acceder á xustiza en igualdade de condicións, prevendo a adopción de medidas de accesibilidade, axustes de procedemento e prestación dos apoios necesarios para elo. Asemade, a Lei de accesibilidade de Galicia 10/2014 do 3 de decembro, contempla que as Administracións públicas deben adaptar os sistemas de comunicación para facelos accesibles e comprensibles para todas as persoas, empregando a lectura fácil.

:: A lectura fácil

A Lectura Fácil forma parte dunha idea máis ampla de accesibilidade cognitiva, destinada a que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan acceder á información e á comprensión da súa contorna. Na actualidade hai unha gran multiplicidade de iniciativas onde FADEMGA Plena inclusión colabora como son proxectos na contorna xornalística (con revistas en Lectura Fácil), cultural (información de museos, obras de teatro, adaptación de novelas e clubs de lectura) e tamén do ámbito social (publicacións sobre prevención da violencia de xénero) e sanitario (información ao paciente).

As normas básicas da Lectura Fácil consisten en usar oracións simples e curtas, coa estrutura de suxeito+verbo+complemento, escribir de modo directo, limitar o número de ideas, dar preferencia á voz activa sobre a pasiva e recorrer sempre ao mesmo sinónimo. Igualmente, evítanse os tecnicismos, a linguaxe figurada, os tempos verbais do subxuntivo e o condicional, as oracións impersoais e complexas, as abreviaturas e siglas, o punto e coma, os puntos suspensivos e os incisos que rompen a continuidade.