Más Noticias

Escucha esta página utilizando ReadSpeaker

Este luns a Xunta de Galicia acolleu o acto da sinatura mediante a cal se renova o Convenio entre Función Pública e a Federación, co fin de dar continuidade á estreita colaboración entre ambos organismos no eido da inclusión laboral do colectivo.

Na sinatura estiveron presentes o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o director xeral de Función Pública José María Barreiro e o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, que destacou a importancia desta colaboración iniciada no 2016 e que agora terá continuidade “a través da realización de actividades formativas, de seguimento e asesoramento nos procesos de integración laboral así como mediante o apoio en todas as actividades que facilitan o proceso de acollida na contorna das persoas con discapacidade intelectual que acceden como traballadores á administración autonómica”.

Na actualidade, 103 persoas con discapacidade intelectual conseguiron acadar unha praza de emprego público en diferentes administracións (Xunta, SERGAS, Parlamento de Galicia, Administración Xeral do Estado…) outras 65 están pendentes de adxudicación e máis de 300 están a recibir formación específica e personalizada para o acceso ao emprego público a través dos servizos que presta a Federación.

:: Retos para o futuro próximo

Durante a sinatura deste Convenio, os representantes da Federación non quixeron deixar pasar a oportunidade de lembrarlle á Xunta de Galicia algún dos principais retos por acometer de cara aos vindeiros meses, como conseguir unha maior axilidade na convocatoria das prazas ofertadas así como a necesidade de reservar prazas para persoas con discapacidade intelectual con maiores necesidades de apoio.