Más Noticias

Escucha esta página utilizando ReadSpeaker

502 persoas con discapacidade intelectual participan nun estudo de emprego personalizado en toda España, das cales 30 son persoas de Galicia que recibirán apoios no marco desta metodoloxía.

O emprego personalizado baséase na creación de novos postos de traballo deseñados pensando na persoa, e en colaboración con empresas. É unha metodoloxía que demostrou probados resultados para todas as persoas, e de forma especial con perfís como o das persoas con dificultades de empregabilidade debido ás súas grandes necesidades de apoio (dificultades para comunicarse ou multidiscapacidade, entre outros).

O proxecto está impulsado polo Ministerio de Inclusión e coordinado por Plena inclusión España e conta con 2 millóns de euros de orzamento dos Fondos de Recuperación e Resiliencia Next Generation. Ademais dos itinerarios e os apoios que recibirán as persoas participantes, o proxecto ten unha parte de investigación, na que participarán 30 galegos e galegas con discapacidade intelectual e cuxas conclusións servirán para mellorar as prácticas de promoción de emprego entre as persoas máis vulnerables.

Así, á súa vez, poderanse facer mellores políticas sociais para o colectivo. No proxecto, a maiores de Galicia, participan 12 comunidades autónomas: Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Castela e León, Cataluña, Estremadura, A Rioja, Madrid, Rexión de Murcia, Comunidade Valenciana e a cidade autónoma de Ceuta.

Todas as organizacións participantes son parte do movemento asociativo Plena inclusión, que agrupa a 950 asociacións en todo o Estado que defenden os dereitos de 150.000 persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e as súas familias.