Más Noticias

Escucha esta página utilizando ReadSpeaker

O pasado mes de marzo de 2018, o Ministerio de Facenda e Función Pública publicaba unha nova convocatoria de oposicións de emprego público na modalidade de reserva para persoas con discapacidade intelectual.

En total convocábanse 279 prazas para cubrir o posto de axudante de xestión e servizos comúns (ordenanza) da Administración do Estado en toda España, 23 delas en Galicia. En concreto: 8 en Coruña, 4 en Ferrol, 1 en Santiago de Compostela, 2 en Lugo, 2 en Ourense, 1 en Marín, 3 en Pontevedra e 2 en Vigo.

Hoxe vimos de coñecer o resultado provisional deste exame, ao que concorrían 328 persoas con discapacidade intelectual de Galicia, das cales 244 tiñan recibido apoios de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia amosamos a nosa satisfacción por estes resultados, pois das 23 prazas ofertadas na nosa Comunidade Autónoma, 20 irán a parar a alumnos que recibiron apoios da nosa federación e entidades, que superaron esta proba selectiva cunha nota media de 97,72.

Ademáis destas 20 prazas conseguidas en Galicia, 2 dos nosos alumnos tamén conseguiron praza nas cidades de Madrid e Oviedo.

Estos bos resultados acreditan o traballo e bo facer da Área de Emprego e Formación de FADEMGA Plena inclusión Galicia na orientación e formación das persoas con discapacidade intelectual que aspiran a conseguir un posto de persoal laboral fixo.

Os resultados son froito do traballo coordinado do Servizo de Formación para o Emprego e do Servizo de Información e Orientación Laboral que a federación oferta desde hai máis de 18 anos, que traballa diariamente desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo.

Durante o proceso de preparación da proba, a federación facilitou formación para o exame, pero tamén ofreceu apoio aos opositores en todo o proceso; desde a formalización da solicitude ata a presentación de alegacións a listas ou a documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso, ademais de acompañalos ao lugar onde se realizaron os exames. FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra estes resultados tan satisfactorios e felicita a todos os alumnos polo seu esforzo e entusiasmo, animándoos a continuar coa súa preparación de cara a próximas convocatorias da Administración Xeral do Estado e da Xunta de Galicia.

:: Un dereito que se fai realidade.

A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, constitúe unha das principais reivindicacións de FADEMGA Plena inclusión Galicia. Trátase dun dereito recollido na “Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sendo España un dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.

Dende a federación, continuaremos a prestar apoios nas 4 provincias a todas aquelas persoas que queran acceder a un dos postos que ofrece a Administración, facilitando formación para os exames e prestando apoio aos opositores en todo o proceso; desde a formalización da solicitude ata a presentación de alegacións a listas ou a documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso.