Este mércores daba comezo o proxecto colaborativo entre o SERGAS e FADEMGA Plena inclusión Galicia, que apostará pola mellora da comunicación coas persoas con discapacidade intelectual no ámbito sanitario.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández Pérez, asinaban o pasado mes de maio un convenio para o desenvolvemento de actividades de sensibilización e mellora da comunicación coas persoas con discapacidade intelectual no sistema sanitario público galego.
Esta colaboración materializouse hoxe co inicio do Programa “Aténdeme-Enténdeme”, a través do cal son as propias persoas con discapacidade intelectual as que transmiten aos equipos de Atención Primaria as súas necesidades e características propias, propoñendo ademáis ferramentas para mellorar as habilidades dos profesionais na comunicación con este colectivo.
Despois da presentación de hoxe (no Salón de Actos da Consellería), o Programa chegará aos Centros de Saúde de Viveiro, Burela, Lalín, Coia (Vigo), Carballiño, Pontevedra, Porriño e Fontiñas (Santiago) á espera de que novos centros de saúde se interesen por esta iniciativa e así poder seguir ampliando a información aos profesionais dos dispositivos sanitarios de toda Galicia.