A asociación CAMIÑA de Burela, acollerá o vindeiro 1 de xullo un curso de lectura fácil, organizado por FADEMGA Plena inclusión e destinado ás persoas con discapacidade intelectual con máis necesidades de apoio que non sepan leer ou escribir, e que estén interesados en aprender a utilizar esta ferramenta.
O curso pretende sensibilizar sobre os dereitos das persoas con discapacidade intelectual nas área de accesibilidade e educación, ao tempo que coñecen as leis europeas e estatais relacionadas coa lectura fácil e aprenden a validar materiais e tipos de redacción e deseño.
Recoñecida pola Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU do ano 2006 e na Lei de Accesibilidade de Galicia do ano 2014, a lectura fácil é un método de adaptación e redacción de textos que facilita a comprensión a varios colectivos, como persoas con discapacidade intelectual, persoas con problemas de audición, idades avanzadas, dificultades de aprendizaxe ou trastornos do espectro autista, entre outras, axudándolles a entender a información e mellorando a accesibilidade na contorna.
:: A cooperativa Altavoz
O curso estará impartido por docentes da Cooperativa Altavoz, formada por persoas con discapacidade que traballan para lograr máis autonomía para todas a persoas. Trátase do primeiro proxecto de autoemprego rexido por persoas con discapacidade intelectual en España, que conta unha metodoloxía propia de traballo, poñendo no centro ás persoas con discapacidade intelectual, as persoas con dificultades e as persoas usuarias dos seus produtos.