| Entrevista a Concepción Rozas, nai dunha persoa con discapacidade intelectual |
![]() Fomentar a unión das familias con discapacidade intelectual é un dos principais obxectivos que cada ano se marca a Xornada de Familias organizada por FADEMGA. Que cre que podemos facer para fomentar unha maior unión e participación familiar? É un tema complicado. A miña filla ten agora 42 anos, e cando eu empecei en ASPAS, non había nada, nin axudas, nin apoio, nin información. Entón habia moitisimos pais. Moitos. Pero cando empezamos a mellorar e a conseguir que se nos recoñecesen cada vez máis dereitos, fómonos relaxando e deixando levar. Cre que os pais novos acomodáronse e están por iso menos implicados? Agora, as novas xeracións, os pais de hoxe en día xa teñen unha base moi importante grazas á xente que leva tantos anos loitando polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual, e creo que no canto de relaxarse, deberían de aproveitalo e seguir loitando polos seus familiares. Aproveitar esa base que deixamos os que estivemos antes. Que aconsellaría entón a aqueles pais novos que teñen un fillo con discapacidade? Pois eu diríalles que se comprometan desde un principio coa causa, e que empecen desde abaixo, por coñecer todo o traballo que nos custou conseguir todos os dereitos que se nos recoñecen agora. Así se valoraría máis o que temos. Vostede fala da importancia do apoio entre pais pero máis aló das familias, cre que a sociedade e profesionais de hoxe en día están pouco involucrados? Os medicos, os pediatras, os asistentes sociais, incluso os xornalistas á hora de dar a coñecer a nosa realidade, todos deberían de involucrarse máis. Pero penso que especialmente os médicos e en xeral todos os profesionais da sanidade deberian de informar máis e mellor a todos os pais, para que saiban que non están sós e que hai máis pais e asistentes sociais que os poden axudar. Todos debemos de estar comprometidos en axudarnos uns aos outros, e é vital darse conta de que a unión fai a forza. |