| Fademga Feaps Galicia aplaude a convocatoria exclusiva de prazas de emprego público para persoas con discapacidade intelectual |
|
A reserva do 2% das prazas nas Ofertas de Emprego Público, supón un importante avance cara á igualdade laboral do colectivo de persoas con discapacidade intelectual.
O pasado 24 de novembro, o Ministerio de Política Territorial e Administracións Públicas fixo público a través do Boletín Oficial do Estado (BOE), a convocatoria específica de oposicións para ingreso como persoal laboral fixo, coa categoría de Axudantes de Xestión e Servizos Comúns en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual.
Desde a Oferta de Emprego Público de 2009, a Administración Xeral do Estado vén reservando un 2% do total de prazas convocadas para persoas con discapacidade intelectual.
Esta convocatoria ten por obxecto convocar todas as prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual previstas nos Reais Decretos polos que se aproban as Ofertas de Emprego Público para os anos 2009, 2010 e 2011.
Convócase o proceso selectivo para cubrir 54
prazas da Categoría de Axudante de Xestión e Servizos Comúns
(actividade principal de Ordenanza) polo sistema xeral de acceso libre.
Destas 54 prazas, 3 corresponden a Galicia (2 na Coruña e 1 en Lugo)
Desde FADEMGA FEAPS GALICIA (Federación de Asociacións a favor dás
Persoas con Discapacidade Intelectual) crearase en colaboración coa
Confederación FEAPS unha PLATAFORMA DE FORMACIÓN para coordinar e
apoiar a aquelas persoas con discapacidade intelectual que queiran
optar a esta convocatoria, e adaptaranse os contidos precisos para facelos completamente accesibles. Para poder acceder á devandita plataforma,
deberán contactar coa Federación antes do próximo 2 de decembro.
A reserva de prazas específicas destinadas ás
persoas con discapacidade intelectual nas ofertas de emprego público,
supón un importante paso para a normalización das condicións laborais
deste colectivo, un dereito que aparece recollido na Convención da ONU
sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, sendo España o
primeiro país do mundo en trasladar o contido deste Convenio á súa
Lexislación.
Xunto a este tipo de convocatorias, FADEMGA FEAPS GALICIA, xunto á Confederación FEAPS, tamén defenden a adopción doutro tipo de medidas, como a adaptación de probas nas convocatorias de oposicións, a través de probas prácticas reais (que se demostre que se posúen os repertorios básicos de coñecemento para a execución dos postos de traballo ofertados), así como a reserva dunha parte da contratación pública aos Centros Especiais de Emprego, o que favorecería a integración destes traballadores. Actualmente, as Ofertas de Emprego Público contan cunha reserva do 7% das prazas para persoas con discapacidade de maneira que un 2% das prazas ofertadas resérvanse para persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 5 % para calquera outro tipo de discapacidade. |